Dende o CPR A Milagrosa de Oleiros queremos darlle as grazas á autora do libro O aroma do liquidámbar, An Alfaya, pola súa presenza no noso centro, onde os rapaces de 5º e 6º de Primaria tiveron o pracer de coñecer de primeira man a importancia de traballar a creatividade e de implicarse na lectura facendo uso dos cinco sentidos, é dicir, ir máis aló do visionado de palabras para descubrir que a escritura é o mellor medio para transmitir e expresar sentimentos.


Asemade, a experiencia foi moi enriquecedora para os discentes, que non dubidaron en entrevistala para coñecer máis datos sobre a labor creadora da escritora e sobre as fontes que a inspiraron a redactar unha historia sobre a árbore do liquidámbar. Deste xeito, os rapaces e rapazas de primaria, puideron aprender a valorar a escritura como unha actividade lúdica e creativa que non debe agocharse nunca na clandestinidade.


O alumnado de 3º e 4º de ESO achegouse á obra da autora coa lectura do libro O ceo das enaguas, co que desfrutaron do xénero da novela de misterio. Aproveitaron o momento de charla coa escritora para aclarar feitos relevantes da acción ou mesmo para saber en que se inspirou para escribir o relato.


Finalmente, An Alfaya agradeceu aos nosos alumnos e alumnas o seu interese e o feito de compartir con ela a experiencia aportada, trala lectura das obras, a través da elaboración dun mural , rematando, así, a sesión coa firma dos exemplares dos libros.
