O vindeiro venres 1 de Xuño, comezará a xornada única de mañán, polo tanto a hora de entrada será ás 9:00 e a de saída ás 13:50 ( os que solicitaron servizo de comedor sairán na hora acordada). Os usuarios de transporte escolar deberán estar nas paradas 30 min antes do habitual.
Mes: mayo 2018
FESTIVAL DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Coma todos os anos, reunímonos para homenaxear a nosa lingua, a nosa cultura, nun día tan significativo como o Día das Letras Galegas. Este ano celebrámolo dunha forma especial, comezando días antes do 17 de maio a enfatizar o valor da nosa lingua e buscar información sobre a autora homenaxeada ese día. Para iso, os nenos e nenas de 5º de Primaria, baixo o lema “O idioma é a forza que nos sostén; se perdemos a fala non seremos ninguén”, recolleron unha boa mostra de refráns do noso pobo galego. Namentres, os discentes de toda Primaria dedicáronse ó labor periodístico, en busca de información sobre a vida, historia e obra de Mª Victoria Moreno. Ese proceso foi levado a cabo mediante actividades, como o uso do folio xiratorio en 1º, 2º e 3º de Primaria e a exposición entre os compañeiros das obras da autora. Resaltáronse dous libros: A festa no faiado e Mar Adiante, obras que se plasmaron co proxecto plástico das portadas dende a materia de Educación Plástica.
O 16 de maio, un día antes do Día das Letras Galegas, celebrouse no colexio a homenaxe á autora. Primeiramente, os máis pequenos de Primaria realizaron unha visita á gardería “Barbanziños” onde leron o conto “A festa no faiado”, colorearon un marcapáxinas de María Victoria Moreno, xogaron un anaquiño cos nenos da escola infantil e remataron a visita entregándolles un agasallo que prepararon con moito agarimo. Foi unha visita moi especial, cargada de emocións!
Xa pola tarde tivo lugar o Festival, onde a espontaneidade e orixinalidade do evento caeu en mans do alumnado de Primaria, xa que sintetizaron todo o traballado sobre a autora mediante unha dramatización escolar e unha mesa redonda onde, tanto participantes como espectadores, participaron animadamente. O broche de ouro correu a cargo do serán levado a cabo pola música das pandeiretas nas mans das nosas alumnas, xunto coa entrega de premios aos discentes de 4º, 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO que participaron na escritura de microrrelatos na honra da autora comezando todos coas verbas dunha das súas obras: “Subiu ata o faiado da casa e alí…”
Un resumo de todas estas actividades pódese ver no seguinte vídeo:
Viaxe a Cantabria
Dende o CPR A Milagrosa pretendemos traballar as habilidades sociais e favorecer o desenvolvemento do noso alumnado no mundo real. Para iso, este ano organizouse, para os cursos de 1º e 2º da ESO, unha viaxe de tres días e dúas noites a Cantabria. Esta viaxe supuxo unha experiencia enriquecedora para os discentes, ademais das aprendizaxes culturais e sociais, onde puideron ver, sentir e tocar moitas das cousas estudadas ao longo do curso nas diferentes materias.
AXUDAS E FONDO LIBROS 2018-19
Aberta a convocatoria de axudas, fondo e material escolar para o vindeiro curso 2018-19. Poden consultar a información na lapela AXUDAS LIBROS.
Visita á Residencia do Maior
«O corazón, como as cousas que se saben, como os cartos que se gañan, soamente serven para algo se se comparten cos demais»
Mª Victoria Moreno
E 4º de ESO non quixo deixar de celebrar o Día das Letras cunha visita a Ribeira para compartir o noso labor cos maiores da Residencia de anciáns.
Ao longo dunha hora charlamos con eles, algúns deles contáronnos de onde son e como foi a súa vida, ata coñecían a algunhas das nosas familias porque foron veciños! Lémoslles textos da autora homenaxeada, e agasallámolos cunhas letras marcapáxinas. Foi moi emocionante compartir una anaco do noso tempo con eles, que teñen tantas cousas que nos ensinar.
E como remate, nesta semana tamén elaboramos o audiovisual que vos deixamos a seguir.
3º de ESO nas Letras Galegas
Esta semana tivemos traballo a fartar. En grupos puxémonos a investigar sobre a orixe desta celebración festiva do 17 de maio e mais sobre a vida e obra da autora homenaxeada: Mª Victoria Moreno. Cando nos quixemos dar conta xa tiñamos o día enriba, así que decidimos compartir o que sabiamos cos máis pequenos do colexio, co alumnado de Infantil. Preparamos un vídeo e agasallámolos cuns globos brancos e azuis, lembrando así as cores da nosa bandeira. Estas son algúns dos momentos desta mañá e tamén vos deixamos o vídeo.
Agardamos que vos preste!
Os demais grupos de 3º de ESO visitamos as clases de Primaria, falamos con eles, vimos algún vídeo e xogamos a ver quen sabe máis das letras… Foi moi enriquecedor para todos.