
Eu non vexo trastornos, dificultades nin talentos a desenvolver.
Vexo persoas. Vexo sementes.
Non sei de que especie son, nin o que agochan. Cada neno, cada nena trae dentro de si un potencial, e eu, que podo facer?
Observar e escoitar o que a semente me quere dicir. Darlle un espazo onde ela decida canta luz precisa, canta auga, canta terra, canto e como.
Ter a humildade de saber que non todas as sementes son iguais, e de non pretender que todos sexamos carballos… ou eucaliptos: Medra rápido, produce rápido, arde rápido.
Darlle a cada semente, a cada nena, cada cativo, no que todavía palpita o instinto de saber quen é, a oportunidade de decidir o que precisa para medrar, para facer brillar ante os nosos ollos o verxel que agocha no seu interior.

