Os alumnos de primeiro de primaria fixeron as súas hipóteses sobre a flotación e puideron comprobar os obxectos que flotan na auga e os que non.
Mes: mayo 2022
LETRAS GALEGAS 2022
O pasado 17 de maio celebrouse o día das letras galegas, este ano dedicadas ao escritor Florencio Delgado Gurriarán.
O noso alumnado agasallounos con uns fermosos e reflexivos traballos nos que afondaron na figura do autor e na importancia do día.
Boa mostra disto son os “minibooks” elaborados por 1º e 2º de Primaria, as biografías de 4º, os “flipbooks” de 5º, as exposicións creativas en cartolina de 6º ou as magnificas presentacións nas que o alumnado da ESO amosou o dominio no emprego de ferramentas dixitais como recurso expositivo.
EXPEDICIÓN ESPACIAL
Na aula de 5º, continuamos co noso proxecto de Social sobre a NASA.
A través dunha chea de actividades, pescudamos sobre a estructura e características das distintas galaxias, facendo especial fincapé na nosa propia, a Vía Láctea. A partir desta investigación aventurámonos a deseñar, dun xeito plástico, os 3 tipos de galaxias.
Tamén traballamos, a través dunha actividade manual, as distintas fases da Lúa e puidemos identificar a fase correspondente á semana na que nos atopamos.
DESEÑANDO CÉLULAS
Ao longo destas semanas, os alumnos de 6º estiveron participando nunha actividade plástica que lles permitiu coñecer dun xeito lúdico a anatomía da célula animal, así como a función que cumpre cada un dos seus orgánulos.
Para asentar os contidos expicados, deseñamos un folleto no que debuxamos cada un dos orgánulos traballados e pescudamos a información correspondente á función que desempeñan.
E como non podía ser doutro xeito, rematamos a xornada poñendo en orde todo o que enlixamos.
DE MADRID E DE SOÑOS
Despois de tanto tempo sen saír, a oportunidade de coñecer unha das cidades máis importantes de Europa, foi o destino elixido por 3º e 4º da ESO para este fin de curso.
Xa antes de marchar estábamos revolucionados e emocionados, pois non era para menos: por fin iamos de excursión!
Así que o martes 10 de maio pola noite e ben puntuais, saímos coas nosas profes rumbo á capital. Desembarcamos o mércores xa para empezar a visita no Museo Nacional de Ciencias Naturais. Minerais, fósiles, dinosauros…Que interesante! Achegámonos ao Parque do Retiro para descansar, comer e coller forzas para vogar. Si! As barcas do Retiro foron o noso seguinte destino, que ben o pasamos! Pola tarde démoslle unha volta á cidade cun guía que nos levou ao Barrio das Letras e despois a dar unha volta en bus para coñecer os lugares máis emblemáticos: a praza de Cibeles, a Porta do Sol, A catedral da Almudena, o mercado de San Miguel…
O xoves visitamos o Mosteiro do Escorial, e ademais da arquitectura e anécdotas varias que nos contaron os guías, puidemos observar a obra de Afonso X o Sabio, o códice máis rico das Cantigas de Santa María está alí nunha exposición ao público. E dalí ao Museo do Prado: Velázquez, Goya, el Greco, Murillo… todo un mundo da arte que coñecer e descubrir. E como non, rematamos o día co musical Grease no novo Teatro Alcalá.
Para broche especial da nosa excursión pasamos o último día no Parque Warner: montañas rusas, cataratas salvaxes, e inventos varios que nos facían xirar e xirar… antes de regresar felices e contentos, de volta a casa.
Da nosa experiencia quedamos coa sensación gratificante de aprender tamén fóra da aula, de adquirir autonomía aínda que só sexan uns días e de cumprir coma un dos nosos compañeiros… “o segundo soño máis importante da miña vida”.
PREPARAMOS A EQUIPAXE PARA SAÍR DE VIAXE!
Por fin chegou o día! os nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Infantil preparamos as nosas mochilas con ilusión, nervios e entusiasmo para realizar unha saída didáctica á granxa escola FervenzAventura. A granxa escola atópase emprazada nunha fermosa paisaxe natural, onde os verdes campos, as robustas árbores e os animais configuran os elementos clave para ofrecer unha gran aventura baseada na natureza, no respecto ao medio ambiente e aos seres vivos, na cooperación e na convivencia.
Alí, os nosos pequenos exploradores tiveron a oportunidade de converterse en panadeiros, facendo o seu propio pan; granxeiros, coidando e dando de comer aos animais; e agricultores, plantando leitugas, ao tempo que desfrutaban da natureza. Unha grata experiencia que, sen lugar a dúbidas, formará parte da nosa colección de recordos .
AXUDAS E FONDO LIBROS 2022-23
Aberta a convocatoria de axudas, fondo e material escolar para o vindeiro curso 2022-23. Poden consultar a información na lapela AXUDAS LIBROS.