Coma todos os anos, reunímonos para homenaxear a nosa lingua, a nosa cultura, nun día tan significativo como o Día das Letras Galegas. Este ano celebrámolo dunha forma especial, comezando días antes do 17 de maio a enfatizar o valor da nosa lingua e buscar información sobre a autora homenaxeada ese día. Para iso, os nenos e nenas de 5º de Primaria, baixo o lema “O idioma é a forza que nos sostén; se perdemos a fala non seremos ninguén”, recolleron unha boa mostra de refráns do noso pobo galego. Namentres, os discentes de toda Primaria dedicáronse ó labor periodístico, en busca de información sobre a vida, historia e obra de Mª Victoria Moreno. Ese proceso foi levado a cabo mediante actividades, como o uso do folio xiratorio en 1º, 2º e 3º de Primaria e a exposición entre os compañeiros das obras da autora. Resaltáronse dous libros: A festa no faiado e Mar Adiante, obras que se plasmaron co proxecto plástico das portadas dende a materia de Educación Plástica.
O 16 de maio, un día antes do Día das Letras Galegas, celebrouse no colexio a homenaxe á autora. Primeiramente, os máis pequenos de Primaria realizaron unha visita á gardería “Barbanziños” onde leron o conto “A festa no faiado”, colorearon un marcapáxinas de María Victoria Moreno, xogaron un anaquiño cos nenos da escola infantil e remataron a visita entregándolles un agasallo que prepararon con moito agarimo. Foi unha visita moi especial, cargada de emocións!
Xa pola tarde tivo lugar o Festival, onde a espontaneidade e orixinalidade do evento caeu en mans do alumnado de Primaria, xa que sintetizaron todo o traballado sobre a autora mediante unha dramatización escolar e unha mesa redonda onde, tanto participantes como espectadores, participaron animadamente. O broche de ouro correu a cargo do serán levado a cabo pola música das pandeiretas nas mans das nosas alumnas, xunto coa entrega de premios aos discentes de 4º, 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO que participaron na escritura de microrrelatos na honra da autora comezando todos coas verbas dunha das súas obras: “Subiu ata o faiado da casa e alí…”
Un resumo de todas estas actividades pódese ver no seguinte vídeo: