EXCURSIÓN 1º E 2º ESO

Os pasados días 8, 9 e 10 de maio o alumnado de 1º e 2º de ESO, desfrutou da saída de fin de curso polas comunidades de Galicia, Asturias e Cantabria.

Tras saír do noso cole moi cedo, realizamos a primeira parada na praia das Catedrais, onde grazas ao bo tempo que nos acompañou en toda a saída puidemos desfrutar dun paseo pola area e introducirnos nas fermosas covas que conforman a paisaxe. Logo disto e dunha breve parada para comer, dirixímonos ás covas de El Soplao para introducirnos nesta fermosa creación xeolóxica de miles de anos a través dunhas antigas vagonetas.

Tras esta primeira xornada chegou o prato forte, a visita ao Parque da Natureza de Cabárceno, onde acompañados por unha guía, fomos visitando todos os animais que alí habitan e coñecendo moitas curiosidades sobre os mesmos, incluso nos sacamos fotos con eles! Tras un gran día en Cabárceno tivemos un tempo libre no bonito pobo medieval de Santillana del Mar.

O último día da excursión foi tamén moi intenso e especialmente prehistórico, xa que visitamos a cova de Altamira vendo as obras de arte que os nosos antepasados deixaron plasmadas no teito da cova e logo dunha pausa para a comida, rematamos a excursión asistindo ao Museo Jurásico Asturiano, onde aprendemos unha chea sobre estes animais que habitaron o noso planeta fai millóns de anos coa axuda dunha guía.