ABRE OS TEUS OLLOS!

Como cada 8 de marzo a cor violeta faise visible nas diferentes propostas educativas que buscan conmemorar a loita das mulleres por acadar a igualdade, o recoñecemento e os seus dereitos. 

Baixo o lema “Abre os teus ollos” leváronse a cabo diversas actividades como bandas deseñadas, carteis, asembleas, collages… co obxectivo de reflexionar e concienciar sobre a importancia de acadar unha sociedade equitativa, onde mulleres e homes poidan vivir plenamente en igualdade de condicións.

EXPLORANDO A MÚSICA

Ao longo deste trimestre, os alumnos de 2° de eso foron incorporando á clase de música o coñecemento e práctica de instrumentos musicais. Para iso, varios compañeiros asumiron o papel de profes e explicáronnos un pouquiño sobre as características e historia do seu instrumento. Como broche de cada sesión, tocáronnos unha peza e permitíronnos experimentar arrancándolle algunha nota aos instrumentos cordófonos.

A MELLOR SOPA DO MUNDO!

Os nenos e nenas de primeiro de primaria convertidos en diversos animaliños dramatizamos unha adaptación do conto: A mellor sopa do mundo, para un público moi especial… os pequerrechos da Escola Infantil Municipal.

Gracias pola acollida de profes e peques, estivemos moi a gusto, desenvolvemos destrezas diversas e desfrutamos compartindo e creando ilusión aos máis pequenos.

CARREIRA INTERCOMARCAL DE CROSS

O día 27 de febreiro realizouse no estadio municipal Julio Mato “Matito” a carreira intercomarcal de cross onde participou o alumnado do noso colexio clasificado na carreira de cross en Ribeira.

Desta volta volveron a conseguir uns moi bos resultados cun segundo posto na categoría benxamín masculino da man de Adrián Salgado, un segundo posto na categoría alevín masculino obtido por Juan Pardavila e un terceiro posto como equipo na categoría alevín masculino formado por Breixo López Millares, Juan Pardavila González, Nicolás Millán Sampedro, Ángel Martínez Lijó, Asier Teira Lorenzo e Hugo Gago García.

Os alumnos Adrián Salgado e Juan Pardavila, clasificáronse na modalidade individual para a proba da carreira provincial de cross que se realizará no circuito do Loreto en Porto do Son o 15 de marzo.

Noraboa a todos e sorte para os clasificados.