Fai uns días, o grupo de voluntariado do noso colexio levou a cabo unha xornada informativa dirixida aos seus compañeiros de primaria. O obxectivo foi dar a coñecer os diferentes proxectos solidarios que se están desenvolvendo nas aulas da ESO en colaboración con COVIDE-AMVE, organización vinculada a Familia Vicenciana que traballa en proxectos de cooperación ao desenvolvemento e accións solidarias en favor dos máis necesitados.
Durante a presentación, os voluntarios mostraron con entusiasmo as iniciativas nas que se está traballando e aproveitaron a ocasión para falar do “Pequeño Rincón Solidario” que se creou no colexio, un espazo onde se pode ver de forma visual o avance das achegas que se van realizando ao longo do curso en cada unha das aulas.
Este rincón solidario serve non só como punto de recollida de doazóns, senón tamen como un símbolo do compromiso de toda a comunidade educativa coas causas xustas.
O esforzó e a dedicación deste grupo de rapaces, que adican parte do seu tempo libre no colexio a traballar por un mundo mellor é un exemplo para todos nós. Con cada acción, demostran que, xuntos, podemos cambiar o mundo.
