Despois de tanto tempo sen saír, a oportunidade de coñecer unha das cidades máis importantes de Europa, foi o destino elixido por 3º e 4º da ESO para este fin de curso.
Xa antes de marchar estábamos revolucionados e emocionados, pois non era para menos: por fin iamos de excursión!
Así que o martes 10 de maio pola noite e ben puntuais, saímos coas nosas profes rumbo á capital. Desembarcamos o mércores xa para empezar a visita no Museo Nacional de Ciencias Naturais. Minerais, fósiles, dinosauros…Que interesante! Achegámonos ao Parque do Retiro para descansar, comer e coller forzas para vogar. Si! As barcas do Retiro foron o noso seguinte destino, que ben o pasamos! Pola tarde démoslle unha volta á cidade cun guía que nos levou ao Barrio das Letras e despois a dar unha volta en bus para coñecer os lugares máis emblemáticos: a praza de Cibeles, a Porta do Sol, A catedral da Almudena, o mercado de San Miguel…
O xoves visitamos o Mosteiro do Escorial, e ademais da arquitectura e anécdotas varias que nos contaron os guías, puidemos observar a obra de Afonso X o Sabio, o códice máis rico das Cantigas de Santa María está alí nunha exposición ao público. E dalí ao Museo do Prado: Velázquez, Goya, el Greco, Murillo… todo un mundo da arte que coñecer e descubrir. E como non, rematamos o día co musical Grease no novo Teatro Alcalá.
Para broche especial da nosa excursión pasamos o último día no Parque Warner: montañas rusas, cataratas salvaxes, e inventos varios que nos facían xirar e xirar… antes de regresar felices e contentos, de volta a casa.
Da nosa experiencia quedamos coa sensación gratificante de aprender tamén fóra da aula, de adquirir autonomía aínda que só sexan uns días e de cumprir coma un dos nosos compañeiros… “o segundo soño máis importante da miña vida”.




